Manifesto pola supervivencia do Comercio, Hostalería e Servizos tras a pandemia COVID-19

O 66% da economía local de Vilagarcía baséase no sector servizos. Necesitamos axuda das administracións e da cidadanía. 


Manifesto pola supervivencia do Comercio, Hostalería e demaís pequenos Negicios do Sector Servizos tras a pandemia da COVID19

Das 3.300 licencias de actividade produtiva rexistradas en Vilagarcía, 2.162 correspóndense a actividades integradas no sector servizos: comercio, hostalería e negocios de diverso tipo.

Polo tanto, o 66% da economía local de Vilagarcía baséase e xira ao redor do sector servizos. 

E dentro deste sector, as ramas que maior peso teñen son a do comercio e a da hostalería, que concentran case o 50% da actividade de servizos en Vilagarcía. Somos 1.050 os establecementos de comercio e hostalería no noso municipio, que traballamos e contribuímos de forma relevante a xerar actividade e riqueza na nosa cidade.

Unha actividade económica que se está vendo gravemente afectada polas consecuencias indirectas da pandemia: as restricións cada vez máis restritivas, as medidas de seguridade, os peches parciais ou totais, a contracción do consumo pola incerteza ante a crise económica… Sabemos que isto nos afecta a todos, pero nos castiga especialmente e con moita maior dureza aos pequenos e medianos empresarios do sector servizos.

Os máis afectados neste momento son os profesionais da hostalería que, afogados tras o peche e restricións da primeira ola da pandemia, tiveron que volver a pechar os seus negocios tras as novas restricións aplicadas o pasado 7 de novembro pola Xunta de Galicia. Son os primeiros pero, por desgraza, non os únicos, porque a economía local non funciona con compartimentos estancos. Todas as actividades están relacionadas, polo que si unha decae, as restantes tamén se resentirán provocando o empobrecemento da nosa cidade. 

Dende o principio da pandemia, os profesionais do sector servizos (os hostaleiros, os comerciantes, os titulares de pequenos negocios…) fomos plenamente consciente de que preservar a saúde era o prioritario. Por iso, por convencemento e por responsabilidade, aceptamos as medidas preventivas decretadas polas autoridades sanitarias para tratar de frear a expansión do virus.

Sabíamos que ía ser complicado. De feito, o esforzo deixounos a moitos en números vermellos. Pero era o que tocaba facer polo ben común. Por coidarnos, por coidarvos.

Agora, nesta segunda onda da pandemia volvemos a acatar as novas restricións e o peche total da hostalería a sabendas do risco inminente que corremos de desaparecer ante un período tan prolongado sen ingresos.

Estamos facendo un esforzo titánico por adaptarnos, por reconverternos, por reinventarnos… por sobrevivir. Porque dos nosos negocios dependen as nosas familias e as familias dos nosos empregados.

Pero non o imos a lograr se nos deixan só nesta loita.

Necesitamos axuda para poder saír vivos desta crise, para que cando todo isto pase non nos vexamos abocados a desaparecer, a pechar os nosos negocios, a perder os empregos que xeramos.

Por iso, demandamos o auxilio das administracións públicas.

Non poden impedirnos traballar sen ofrecernos unha táboa de salvación.

1. Demandamos á Xunta a inmediata habilitación de axudas directas ao sector para poder paliar as perdas dos peches e das novas restricións.

Axudas nas sumas axeitadas para permitirnos sobrevivir.

E axudas cuxa tramitación e pago deben axilizarse ao máximo para que sexan efectivas e non cheguen cando xa os nosos negocios estean arruinados e non haxa salvación.

2. Demandamos que poidan acceder a estas axudas tanto os establecementos con paro total da actividade como os que a manteñan con as máximas restricións, posto que a perda de ingresos é igualmente grave para estes.

3. Demandamos que nos poidamos seguir acollendo a ERTES sen ter que asumir as cotas da Seguridade Social 

4. E demandamos bonificacións e exencións fiscais suxeitas aos períodos de inactividade ou de restricións.

Isto pedímosllo administracións, pero tamén temos que pedir a colaboración da cidadanía.

Nós etopámonos ao límite para contribuír a frear o avance da pandemia, para coidarnos e para coidarvos. Por iso necesitamos que vós nos coidedes a nós. Necesitamos que sigades vindo aos nosos establecementos, que participedes nas iniciativas que vaiamos poñendo en práctica para tratar de repoñernos deste duro golpe, que apostedes polo comercio, a hostalería e o resto do servizos locais, que todos somos da casa e que entre todos nutrimos á nosa economía local.

Sabedes que contades con nós para poñer fin á crise sanitaria. Nós contamos con vós para saír da crise económica.

Lembrade:

Das 3.300 licencias de actividade produtiva rexistradas en Vilagarcía, 2.162 correspóndense a actividades integradas no sector servizos (comercio, hostalería e negocios de diverso tipo)

O 66% da economía local de Vilagarcía baséase no sector servizos.

O comercio e a hostalería concentran case o 50% da actividade dos servizos da nosa cidade. En Vilagarcía hai actualmente 1.050 os comercios e locais hostaleiros que traballan e contribúen a xerar actividade e riqueza na nosa cidade.

Desexamos que ao remate desta crise, sigamos mantendo estes números. Que ningún negocio se caiga da lista.

Esperamos que as administracións saiban estar á altura das circunstancias como o estamos os profesionais do comercio, da hostalaría e do resto dos pequenos e medianos empresarios do sector servizos.