.
Nadal para Todxs: un paseo que fai cidade
Hai iniciativas que, máis alá do Nadal, deixan pegada. “Nadal para Todxs” naceu con esa idea: que a maxia destas datas chegue tamén a quen non sempre pode vivila do mesmo xeito. E este ano, na súa segunda edición, volvemos confirmar algo moi bonito: cando Vilagarcía se xunta por unha boa causa, pasan cousas que emocionan.Dende Zona Aberta, xunto a profesionais e comerciantes da cidade, e coa forza dos clubes ciclistas Arousa en Bici, Arousa Bike BTT, BTT Trotacumios e Triatlón Vilagarcía, e co respaldo do Concello de Vilagarcía, puxemos en marcha de novo este proxecto solidario pensado para maiores dependentes e persoas con diversidade de todas as idades.
A proposta é sinxela e preciosa: un paseo de 30 minutos na carroza de Papá Noel, movida a pedaladas, para percorrer a cidade e desfrutar do alumeado e da decoración de Nadal. Un percorrido que é moito máis ca un traxecto: é unha maneira de dicir “aquí estamos”, “contamos contigo”, “isto tamén é para ti”.
Ao rematar, agarda unha pequena merenda: chocolate e biscoito, un xesto sinxelo que sabe a coidado e a comunidade. E tamén un recoñecemento especial ás familias e persoas coidadoras, que cada día sosteñen, acompañan e fan posible o benestar de quen máis o precisa.
As viaxes poden ser solicitadas por un familiar ou coidador/a en Moto Bazar ou en calquera negocio adherido a Zona Aberta, e realízanse sempre coa compañía dun familiar ou coidador/a. No caso de persoas cun menor grao de dependencia, existe a opción de viaxar dúas persoas xuntas se así se solicita.
“Nadal para Todxs” desenvólvese do luns 22 de decembro de 2025 ao 3 de xaneiro de 2026, sempre que a climatoloxía o permita, con saídas entre as 18:30 e as 20:30 h, agás domingos e os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro. O número de viaxes poderá ampliarse se é preciso e se contamos co voluntariado necesario.
E falando de voluntariado: esta iniciativa tamén é unha invitación a participar. A toda a cidadanía que queira dar unhas pedaladas por unha boa causa, compartir a experiencia e sumar ilusión. Só fai falta ser maior de idade, levar algún atuendo de Nadal e, sobre todo, vir con ganas de pasalo ben facendo algo útil e bonito.
Nesta edición xa confirmaron a súa participación entidades que traballan a diario no coidado e integración de persoas dependentes, como o Centro de Día de Vilagarcía e a Fundación Lar Pro Saúde Mental, que xa estiveran con nós o pasado ano. E si: tamén se agarda o regreso de Rodelfo, o Elfo Vilagarcián, que prometera volver.
Porque ao final, isto vai diso: de facer cidade, de coidarnos, de mirar arredor e dicir “contamos con todas as persoas”.